Saturday 04 de May de 2024

Ordes dotará paulatinamente de desfibriladores as súas instalacións públicas máis importantes


O pleno tamén acordou a creación dunha comisión de seguimento para a contratación de persoal, ademais de continuar co plan de formación continua en materia de fitosanitarios

O Concello de Ordes dotará paulatinamente de desfibriladores externos automáticos as instalacións públicas máis importantes e concorridas. Así se aprobou por unanimidade no pleno celebrado onte en base a unha moción presentada polo BNG. Un aspecto que o Goberno Local leva abordando dende hai xa tempo e que a día de hoxe está a analizar detidamente para saber se a fórmula máis rendible pasa polo alugamento ou pola compra dos aparatos. A casa da cultura, pavillóns e campos de fútbol, escolas municipais ou o mesmo Concello serán algúns dos inmobles nos que se instalarán caixas de urxencias e desfibriladores, elementos imprescidibles para actuar correctamente ante unha parada cardiorrespiratoria e que no caso de Galicia chega a 800 nun ano. O texto tamén inclúe unha solicitude para instar á Consellería de Educación para que dote aos centros educativos deste equipamento. Seguindo no ámbito formativo tamén se solicita que a posesión dun título de primeiros auxilios sexa un mérito a ter en conta á hora de puntuar para acadar o posto de profesor. Por outra banda o Goberno Local confirmou a súa coordinación con Cruz Vermella Ordes á hora de fomentar e facilitar este tipo de formación á cidadanía.

Ademais o Concello de Ordes contará cunha nova comisión de seguimento da contratación de persoal por parte do Concello integrada por membros de todos os grupos. Unha demanda formulada polos nacionalistas que coincide co interese de todas as forzas políticas, que mostraron o seu apoio. Aínda así o PP viuse obrigado a absterse debido a un aspecto na redacción dun dos puntos do texto que os nacionalistas se negaron a corrixir. Concretamente esíxese que o alcalde “comunique inmediatamente os procesos de selección e remita toda a documentación”, algo que contradí o marco base da Lei de Réxime Local, tal e como explicou o secretario municipal. Aínda así o alcalde manifestou a súa predisposición para “facilitar toda a información e documentación requirida na correspondente comisión, tal e como se ven facendo ata o de agora”.

Maior accesibilidade
Na sesión tamén se informou da habilitación de espazo no auditorio da casa da cultura para persoas con algún tipo de discapacidade que lles obrigue ao uso de cadeiras de rodas e elemnetos similares. Ante a moción presentada pola bancada nacionalista deuse conta da eliminación de oito asentos da primeira fila para gañar espazo. Aínda así a solicitude someteuse a votación acadando o consenso de todos.

O pleno ao completo estivo de acordo tamén en continuar con programas e iniciativas formativas para a obtención do carné de Manipulador de Produtos Fitosanitarios Básico, tal e como reclamou Verónica Gómez, voceira do PSOE. Neste punto Susana García, voceira municipal, informou da convocatoria dun curso destas características organizado polo Concello de Ordes o próximo 14 de marzo, e no que xa están inscritas 40 persoas. Susana García tamén concretou o plan formativo continuo de 2015 levado a cabo pola Xunta de Galicia neste eido e mostrou o seu apoio para “continuar con programacións deste tipo en 2016”. Un programa que inclúe cursos e liña polos que se pretende seguir apostando. Pola súa banda o BNG presentou unha emenda de engado para a homologación dos máis de 3.000 carnés expedidos por outras Comunidades Autónomas a titulares galegos.

O mesmo consenso se acadou para continuar coa tramitación do expediente de xustificación de méritos e circunstancias para nomear a Isabel Zendal filla predilecta do concello de Ordes. Tras a renuncia de Silvia Marín neste labor a partir de agora será Verónica Gómez a instrutora para lograr a concesión do dito nomeamento a título póstumo. Un proceso para o que o alcalde de Ordes lle brindou todo o seu “apoio e axuda” naquilo que lle requira.

O Goberno tamén conseguiu o respaldo dos demais partidos para solicitarlle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a autorización que lle permita o uso e desfrute da escola unitaria de Santa Cruz de Montaos para servizos de carácter local. Unha petición que se estende tamén á casa do conserxe do CEIP Campomaior para dedicala a labores e proxectos educativos.

Apoio laboral
En relación ao rogo socialista no que se lle solicitaba ao alcalde maior defensa dos intereses laborais para os traballadores do municipio José Luis Martínez Sanjurjo defendeu a súa postura de reclamar un plan estratéxico para o sector téxtil de Ordes, aspecto que tal e como concretou xa abordou en varias ocasións con altos representantes da Xunta de Galicia. Tamén concretou que as reclamacións dunha saída negociada para solucionar o conflito dos transportistas da empresa Pellejero e Hijos S.L. fíxose a nivel mancomunado “porque foi o que os mesmos traballadores nos pediron”. Martínez Sanjurjo tamén puntualizou que “tanto as reunións como o que delas transcendeu nos medios de comunicación foi o que eles nos pediron, sen que este Goberno Local aproveitara a ocasión para colgarse medallas nin proxectar ningunha imaxe nos xornais”. Por outra banda tamén se concretou que tanto o arranxo da vía que vai entre a rúa Coruña e a estrada DP 5903 de cara ao tanatorio do Valado xa está incluída no PAS 2015, algo que similarmente tamén ocorre coa ponte na vía que vai de Guntín a Mercurín e que está previsto incluír nun plan da Deputación.

Continuando con obras e vías ao BNG informóuselle que actualmente xa existen dous proxectos e memorias dirixidos a Patrimonio e Augas de Galicia para o arranxo da Ponte de Pereira, cortada ao tráfico pola súa evidente deformación e danos na estrutura. O Concello está á espera de que ambos os entes indiquen o xeito máis adecuado e correcto para poder proceder pola vía de emerxencia. Na medida do posible o BNG solicitou a maior separación entre o viaduto e a ponte medieval existente neste emprazamento “para poder revalorizar este elemento patrimonial”. Tamén se deu conta que o abastecemento da Brea aínda non funciona porque a empresa Espina e Delfín, encargada do servizo, necesita recepcionar a obra e concretar as posibles deficiencias. En canto o tempo o posibilite tamén se procederá co arranxo dos danos causados pola mala execución das obras realizadas na rúa Campeiras, con cargo á empresa responsable. O Goberno Local tamén informou do traballo que se está a realizar en materia de accesibilidade urbanística na vila de Ordes, e que concretará os puntos nos que é necesaria unha intervención máis inmediata. Este é o caso de pasos de peóns con presenza de bordos tal e como indicou o voceiro do BNG, “zonas nas que ademais son precisas tarefas de pintado e unha mellor sinalización vertical” según concretou José Luis Martínez Sanjurjo.